O proceso de elaboración da xenebra

A xenebra é unha bebida destilada que utiliza normalmente como base un alcohol etílico de orixe agrícola, como cereais ou remolacha. O proceso de destilación da xenebra realízase nun alambique, tradicionalmente de cobre, malia tamén poder ser de aceiro inoxidable. É aí onde o alcohol se somete a un punto de ebulición para converterse en vapor e aromatizarse con esencias e botánicos.

O vapor obtido atravesa uns condutos de condensación ata que abandona de novo o alambique en estado líquido. Así é como se consegue esta bebida alcohólica. Sabías que para que unha xenebra se poida chamar xenebra debe obrigatoriamente estar aromatizada con cimbro?

As bagas de cimbro

O cimbro é froito dun arbusto da familia das coníferas (Juniperus communis), semellante en aspecto a un ciprés, que medra en altura e en climas fríos como os do norte de América e Europa. Os seus froitos, coñecidos como bagas de cimbro, son de cor verde ao brotar pero, á medida que maduran, van adquirindo, aproximadamente en ano e medio, o seu característico ton morado, que é cando se apañan.

Estas bagas de cimbro levan milleiros de anos utilizándose polos seus beneficios medicinais, desde a época romana, e tamén na cociña. Foron os holandeses, no século XVI, os primeiros en engadilas ao proceso de elaboración dunha bebida destilada que bautizaron por ese motivo como «genever» e que tivo o seu espello na expresión francesa «genièvre». A «genever» foi embotellada por primeira vez polo holandés Ervin Lucas Bols en 1575.

Os ingleses que loitaron en Holanda na Guerra dos Trinta Anos, no século XVII, marabilláronse do «Dutch courage» (coraxe holandesa), como denominaban a forma en que os seus compañeiros de armas emprendían a loita tras beber xenebra holandesa, e levárona ao seus país, onde pasaron a denominala «Gin».

A que sabe a xenebra?

Desde que se popularizou en Europa nos séculos XVII e XVIII, hai case tantas variedades de xenebra como destilerías, aínda que os tres tipos de xenebra oficiais son Gin, Distilled Gin e London Dry Gin (unha xenebra seca, non doce, onde predomina o sabor a cimbro).

O proceso de destilación da xenebra é o mesmo. O que diferencia cada marca de xenebra son as esencias ou aromas que se lle engaden. En función do tipo de aromas empregados na súa elaboración, podemos distinguir, por exemplo, entre as xenebras herbais, que se caracterizan polas súas orixes botánicas (hortelá ou romeu, por exemplo), as xenebras cítricas, que poden ofrecer un lixeiro aroma e sabor a laranxa, pomelo ou lima, entre outros, e as froiteiras, con presenza de uva ou froitos vermellos, por exemplo.

E como se elabora a nosa xenebra Nordés?

Nordés elabórase nunha destilería á beira do río Ulla, en San Pedro de Sarandón, preto de Santiago de Compostela. Unha bisbarra comarca coñecida polas súas augardentes.

No proceso de elaboración da Nordés reprodúcense os métodos tradicionais que atesouran os produtos locais e recórrese aos ingredientes naturais que ofrece a terra. A receita única da Nordés comeza pola base alcohólica, pois emprega a uva Albariño das Rías Baixas para obter a augardente inicial. Esta base, moito máis complexa, outórgalle un aroma completamente distinto desde o principio.

Na destilación despréganse os aromas procedentes de 11 elementos botánicos naturais. En moitas ocasións, as xenebras maceran todos os seus botánicos xuntos no alambique e ese resultado destílano para conseguir o produto final. No entanto, no caso da Nordés cada un dos botánicos que conforman a súa receita macérase por separado antes de destilar. Cada un cunha duración diferente, xusto o tempo necesario para achegar a intensidade que se necesita de cada botánico.

Dos 11 botánicos, seis son galegos: a salvia, o loureiro, la herba luísa, o eucalipto, a menta piperita e a salicornia, unha planta mariña que achega un toque salino e que a converte na xenuína xenebra atlántica.

Desde máis aló dos mares chegan outros cinco botánicos que complementan o equilibrio aromático da Nordés: non podería faltar o cimbro, ademais do xenxibre, o cardamomo, a flor de hibisco e o té negro. O resultado: unha xenebra rica en matices que te traslada aos bosques galegos e á brisa do Atlántico, cunha base de Albariño que a fai única no mundo.