Hoxe querémosvos falar do significado dunha das expresións galegas que máis sentido dá a Nordés:
“Amodiño”
Poderíase traducir como ”ir amodo” pero esconde moito máis, pois define un xeito de vida que, moitas veces, xa forma parte de nós.
Amodiño é gozarmos das cousas verdadeiramente importantes da vida, apreciando cada momento e facéndoo noso. É contarmos historias sen présa, e escoitalas, aproveitarmos os momentos cos nosos, recreármonos no camiño.
Amodiño está en Galicia e nas súas xentes, está na súa natureza e tamén na idea de Nordés, desde o primeiro día que a creamos, ata hoxe: seguimos a traballar amodo, pondo atención a cada detalle, con agarimo, con paixón, con atención, con amor. E cando traballas así, saboreando o proceso, é imposible non gozares do resultado.
Amodiño ven de “amodo”, pero non é o mesmo. Fixarádesvos algunha vez en canto cambia o significado dunha palabra ao engadirlle este sufixo tan galego? “Riquiño”, “andar miudiño”, “con sentidiño”… Un pequeno matiz pode cambiar por completo o concepto dunha palabra, e convertela en especial. Este tipo de detalles foron os que lle puxemos á nosa xenebra Nordés. A través dos botánicos, da base vínica de albariño e do proceso de destilación lento e coidado, dalgunha maneira, engadímoslle á nosa botella ese toque especial, esperando que cando chegue ás túas mans poidas gozar dun momento amodiño.